Friday 17 de May de 2024

José Manuel Lage: “O tren a Langosteira é hoxe unha realidade que moi pronto permitirá multiplicar a actividade no porto exterior”


O concelleiro de Economía e Planificación Urbana asistiu hoxe ao levantamento das actas de ampliación das expropiacións, que afectan a cinco parcelas na Coruña

O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, asistiu esta tarde ao levantamento das actas previas á ocupación na ampliación de alteracións no expediente de expropiacións para culminar as obras da conexión ferroviaria a Punta Langosteira, en execución desde finais de setembro do ano pasado.

Ditas expropiacións implican a cinco predios de titularidade privada radicados no termo municipal da Coruña.

No referente ás parcelas nas que se amplía a expropiación no concello da Coruña, a superficie asociada a esta ampliación é de 3.770 metros cadrados, correspondentes a terreos de natureza rústica.

José Manuel Lage, que asistiu ao proceso deste trámite na sede da Autoridade Portuaria, lembrou que “foi no anterior mandato, tamén con Inés Rey á fronte do Goberno municipal, cando se impulsou a obra do tren a Punta Langosteira, despois de que a alcaldesa reunise por primeira vez a todas as Administracións implicadas na transformación portuaria”.

O voceiro do Goberno municipal lembrou, ademais, a importancia da posta en marcha dos traballos para crear “unha infraestrutura que será clave para o futuro da cidade, tanto no aspecto económico como polo potencial de transformación urbana que ofrece a liberación progresiva dos peiraos interiores”, indicou. “O tren a Langosteira é hoxe unha realidade que moi pronto permitirá multiplicar a actividade no porteo exterior”, apuntou o concelleiro.